Saturday 04 de May de 2024

O Plan Único da Deputación inviste máis de 782.000 euros na mellora de diversos núcleos de Porto do Son


Saen a licitación as obras de acondicionamento e mellora das rúas Outeiro Baixo e Horta das Romeras e de humanización do entorno do cruceiro na Igrexa (Baroña)

 

O Concello de Porto do Son vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación de cinco obras do Plan Único (POS+2018 e POS+2019), que suman un investimento de 782.266,53 euros e que se destinarán a mellorar diversas rúas do municipio e a a dotar de servizo de saneamento os núcleos rurais da parroquia de Caamaño.

Unha das obras suporá o acondicionamento da rúa Outeiro Baixo, un proxecto que se acometerá en dúas fases cun investimento total de 272.462,65 euros, dos que 245.628,65 € serán achegados pola Deputación e os 26.834 restantes polo Concello de Porto do Son.

As obras pretenden dotar a zona de nova pavimentación que substitúa ao actual solo de formigón, moi danado debido ás diferentes obras que se foron executando na rúa e ao paso do tempo, solucionando tamén os problemas de accesibilidade existentes na actualidade ao longo de toda esta rúa.

Os traballos darán solución tamén ás deficiencias existentes na rede de saneamento e abastecemento de auga e de recollida de pluviais, delimitarán as zonas de tráfico rodado e peonil e dotarán a rúa de novo sistema de alumeado público. Tamén se construirán pequenas zonas verdes que contrasten co firme de formigón e pedra para humanizar o espazo.

Na rúa Horta das Romeras, o Plan Único financiará unha actuación similar que suporá un investimento de 239.321,91 euros, dos que 185.556,77 será achegados pola Deputación e 53.765,14 polo Concello.

As obras incluirán tamén a renovación do pavimento e a construción de novas zonas peonís seguras, con alturas diferenciadas e pavimento de granito, que contarán con morróns de pedra e iluminación empotrada.

Elevaranse os pasos de peóns para buscar unha maior seguridade e dotarase a rúa de novo alumeado público, sistema de saneamento e recollida de pluviais, humanizándoa coa introdución de xogos para nenos e pequenas zonas verdes.

Humanización do entorno do cruceiro da Igrexa

A Deputación investirá tamén 89.105 euros nas obras de humanización do entorno do coñecido coma cruceiro dos Milagres, na parroquia sonense de Baroña.

O propio cruceiro e varios hórreos moi próximos a este núcleo rural están catalogados coma Ben de Interese Cultural (BIC), polo que a actuación busca mellorar este núcleo rural actuando sobre a cazada e o mobiliario urbano sen alterar a súa configuración actual.

As obras renovarán o pavimento da zona, dotándoa de barandas na áreas con desniveis e escaleiras, que serán reconstruídas. Crearase unha zona de esparexemento arredor do cruceiro, elemento principal do espazo, instalando un banco ao longo do muro de contención e habilitaranse as canalizacións necesarias para eliminar da superficie os cableados aéreos da rúa.

Saneamento en Caamaño

A última das obras suporá un investimento de 181.376,97 euros para dotar de saneamento a varios núcleos rurais da parroquia de Caamaño. O proxecto inclúe a excavación das gavias, colocación dos colectores de saneamento, execución de pozos de rexistro e acometidas domiciliarias e reposición dos pavimentos afectados.